Mañá, o II Debate sobre o Estado da Ilustración

Deseño e ilustración do cartel: Bernal Prieto
Mañá, sábado 7 de xuño, desenvolverase en Santiago o segundo Debate sobre o Estado da Ilustración. Será no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), a partir das 10:30 h, con entrada libre e gratuíta.

Entre os puntos propostos para abrir o debate están: «a crise: como afecta aos modelos de encargo»; «os prezos: a evolución dos números»; «a formación dos ilustradores: novas xeracións de futuro incerto»; «os mercados internacionais: cal é a súa viabilidade como saída laboral»; «as parcelas colindantes ao noso sector: estado actual»; «o autoemprego: alternativas de negocio»; e «o financiamento: onde están os cartos?».

Os relatores convidados son os ilustradores Patricia Castelao, Leandro, Santy Gutiérrez e Dani Padrón, con Manel Cráneo como moderador. O público presente poderá participar no coloquio desde o primeiro momento.

O debate decorrerá ata o mediodía, e a media mañá haberá unha pausa para café no propio recinto.

Compartir