A Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais (FADIP) renova a súa directiva e reforza a súa posición de representación do sector no Estado.
Constituíuse a nova xunta directiva da Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais (FADIP), que preside Francesc Capdevila Max, recentemente galardoado co Premio Nacional de Cómic instituido polo Ministerio de Cultura.
Max (Barcelona, 1956) é un dos autores de cómic e ilustración máis prestixiosos no panorama internacional actual. En 1997 recibiu tamén o Premio Nacional de Ilustración Infantil e Xuvenil, e no ano 2000 o Gran Premio do Salgou do Còmic de Barcelona en recoñecemento á súa carreira. Para el «é unha gran responsabilidade presidir a FADIP, ademais dunha honra». Así mesmo, recalcou que «estamos nun momento moi importante para a ilustración no Estado, pero o seu futuro depende de que os ilustradores consigamos facer oír a nosa voz en defensa duns dereitos básicos moi maltratados ata agora».
A FADIP agrupa a cinco asociacións de profesionais da ilustración de todo o Estado: as de Cataluña (APIC), Galicia (AGPI), Madrid (APIM), País Vasco (APIE-EIEP) e Valencia (APIV), e converteuse en auténtico interlocutor en representación do sector da ilustración no noso país.
A nova directiva afronta como un dos retos máis importantes para o futuro inmediato a creación do Observatorio da Ilustración, cuxo fin será «procesar e estudar a información sobre as prácticas contractuais e económicas no mercado da ilustración», de forma que se poñan en evidencia os abusos que a ese respecto están levando a cabo algunhas empresas (especialmente no sector editorial), e tamén destacar as que desenvolven boas prácticas.
Xunto a Max, Completan a xunta directiva Manel Cráneo (por AGPI), Arnal Ballester (por APIC), David Heras (por APIV), Javier Blázquez (por APIM) e Danimaíz (por APIE-EIEP).
Á súa vez, FADIP designou aos ilustradores Gerardo Trives e Lluís Miquel Abian como os seus representantes no European Illustrators’ Forum (EIF), e incorporou a Henrique Torreiro como xerente e a Susana Fernández como secretaria técnica.