Este sábado, 2 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) a décimo cuarta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que chega esta vez co lema «A toda máquina!», e que durará ata o próximo 23 de marzo.
No seu programa inclúese unha nova colaboración coa AGPI, a exposición Parafusos, alambiques e birleques, con traballos de dezaseis ilustradores e ilustradoras membros da asociación, que mostran obras relacionadas, precisamente, coas máquinas. Os ilustradores participantes son Aida Alonso Vázquez,
Alberto García Ariza, Almudena Aparicio (que ademais é a autora do cartel desta edición), Antonio Seijas, Carmen Ferrín, Dani Padrón, Eduardo Baamonde, José Souto Josiño, Manuel Lariño, Marina Seoane Pascual, Nuria Díaz, Pirusca, Quico, Rebecalópez, Rubén Mariño Lamas e Yago García Rodríguez Yaguete.
No programa de actividades hai varias relacionadas coa ilustración, como o obradoiro de banda deseñada «A debuxar con Marcopola», dirixido polo noso socio Jacobo Fernández Serrano. O acto, que incluirá a presentación dos libros da serie Marcopola, a illa remeira, será o xoves 7 de marzo, ás 19:00 h. Tamén o noso socio Anxo Fariña impartirá un obradoiro de ilustración todas as mañás do 4 ao 11 de marzo.