A Asociación Galega de
Profesionais da Ilustración continúa, o vindeiro xoves 30 de setembro, ás 19.00 h na Casa do Libro de
Vigo (rúa Velázquez Moreno, 27, 36202 Vigo), as súas Tertulias Agpi, coa titulada «Ilustrar e escribir: unha
relación de autores na literatura infantil e xuvenil». O acto, que contará
como convidado especial co ilustrador Jacobo Fernández Serrano, está aberto
a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.
Na
literatura infantil e xuvenil, quen escribe e quen ilustra traballan para
conseguir unha obra que será valorada polo seu público tanto polo aspecto
literario como polo visual. Tanto é así que na maior parte das veces non se
entendería unha parte sen a outra, aínda que os seus autores non sempre son
totalmente conscientes desta realidade. Hai moitos casos de auténtica
compenetración entre ambos os dous, e, naturalmente, tamén casos en que a
autoría recae ao mesmo tempo nunha soa persoa. Neste faladoiro tentaremos tocar
todos estes casos, e máis temas que poidan xurdir sobre esta e outras
cuestións.
Para abrir o coloquio,
contaremos como convidado especial con Jacobo Fernández Serrano, socio
de AGPI cunha notable experiencia no campo da literatura infantil e xuvenil.
Este faladoiro conta coa
colaboración da Casa do Libro de Vigo e co apoio da Dirección Xeral
de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia.
A AGPI desenvolve
o seu programa «Tertulias AGPI» de forma aperiódica en diferentes
localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de
ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e intercambio de
información e coñecemento entre os ilustradores.
Jacobo
Fernández Serrano (Vigo, 1971) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de
Madrid. Ademais de ter ilustrado numerosos libros de autores como An Alfaya ou
Xoán Abeleira, é autor do texto e as ilustracións dos volumes A gardería de dona Bixelmina (Xerais,
2005), A pedra e as formigas (Xerais,
2006) e Mil cousas poden pasar, polo
que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2009. Como autor de banda
deseñada creou para a revista Golfiño a serie Os Amigos de Archimboldo Roque, despois publicada en álbum por Faktoría K. En 2007 gañou o Premio Castelao de
BD da Deputación da Coruña coa obra Aventuras
de Cacauequi, publicada despois por El Patito Editorial. Alén diso, colabora
coas revistas Dos Veces Breve e BD Banda, e en Bang Ediciones comezou a
serie de álbums de BD infantil Marcopola,
la isla remera (2009).