Continúa o ciclo «Tertulias AGPI», desenvolvido pola AGPI de forma aperiódica
en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a
profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a
relación e o intercambio de información e coñecemento entre os
ilustradores.
O próximo xoves 19 de maio, ás 19:00 h na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16 15705 Santiago de Compostela), o novo faladoiro recibirá o título de «Traballar no mercado americano», e contará como convidado especial con Fran Bueno, ilustrador galego que desde hai anos colabora con editoriais estadounidenses. O acto está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.
Para un profesional da ilustración o mercado norteamericano supón, debido ao seu gran tamaño, a oportunidade de conseguir unha boa difusión do seu traballo, e xeralmente con prezos interesantes. Porén, a dificultade de entrar neses ámbitos (o que polo usual obriga a empregar axentes para mediar entre as partes) inclúe ademais usos diferentes aos europeos no que se refire aos dereitos de autor, por exemplo. Das vantaxes e desvantaxes deste mercado falaranos o noso convidado, con base na súa experiencia profesional.
Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Alterna o seu traballo no mundo da banda deseñada coa ilustración de numerosos libros infantís e xuvenís, e ten feito algunhas incursións na animación. Publicou en revistas como Tótem, Frente Comixario, Elipse, Golfiño, BD Banda e Galimatías, e ten colaborado en materiais institucionais, caso dos seus cómics didácticos para o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Medio Ambiente ou a Irmandade Moncho Valcarce. En 2004 publicou en Francia Sales coups sur Strombo na revista Lanfeust (con guión de Pierre Veys), e a partir de entón fixo dezaoito números da serie Noble Causes (guionizada por Jay Faerber), para a editorial estadounidense Image. Actualmente traballa nunha nova serie con Jay Faerber, Graveyard Shift, que está publicando Galimatías baixo o título de Amor Inmortal e que cando teñan rematada publicará tamén Image.