Novo Curso AGPI: entintado manual e dixital, con José Luis Ágreda

O segundo curso organizado pola AGPI xirará en torno ao entintado manual e dixital, e estará impartido polo ilustrador José Luis Ágreda, coñecido especialmente polas súas colaboracións con El Jueves e El País.

O curso, titulado «De como a tinta dixital me fixo máis valente», está dirixido a profesionais da ilustración ou a calquera persoa interesada, sexa ou non socia da AGPI. Constará de dúas partes diferenciadas, de tres horas de duración cada unha, e, aínda que de carácter teórico, estará fortemente apoiado por
exemplos prácticos e mostras de traballo en directo do autor.

Os obxectivos son dar a coñecer a importancia do proceso de entintado, e os usos das ferramentas tradicionais e dos recursos dixitais, centrándose nos programas de debuxo e tinta dixital SketchBook Pro e Manga Studio.

Será o sábado 6 de abril, de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 h, no Centro Sociocultural O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo, 15701 Santiago de Compostela). A inscrición é de 10 euros para socios da AGPI, e de 30 euros para non socios (no caso de estudantes, 20 euros). O prazo de preinscrición acaba o próximo 31 de marzo, e as prazas son limitadas. Toda a información sobre o curso e o proceso de inscrición pode verse aquí.

Como no anterior curso, ao finalizar complementarase cunha actividade de entrada libre: a nova edición do IlustraNoite, formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración. Nos próximos días confirmarase o lugar de realización, así como os seus participantes.

Compartir