O 30 de xaneiro, Día da Ilustración


Cartel a cargo de Miguelanxo Prado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove, por vez primeira, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, e faino cunha programación de actividades nas bibliotecas nodais das catro provincias que se desenvolverá arredor do día 30 de xaneiro. A data foi escollida por coincidir co aniversario do nacemento de Daniel Rodríguez Castelao.

Deste xeito, obradoiros, actividades para estimular a creatividade e a imaxinación, mostras bibliográficas e espazos para a reflexión e a conversa centrarán as propostas para conmemorar esta data. O programa foi presentado hoxe pola Secretaría Xeral de Cultura e pola AGPI, que participa no programa cunha mesa redonda titulada «A ilustración gráfica hoxe en Galicia». Nesa mesa intervirán os ilustradores Marina Seoane (presidenta da AGPI), Almudena Aparicio e Manuel Uhía, moderados por Henrique Torreiro, e terá lugar o propio día 30, ás 18:30 h, na Biblioteca Pública Nodal de Pontevedra (rúa de Afonso XIII 3, 36002 Pontevedra).

Entre as actividades, hai programados obradoiros de ilustración cos nosos socios Xosé Tomás e Óscar Villán e mais o Colectivo Miñoco, e unha exposición titulada Vida e obra dos ilustradores en Vigo, que conta con presenza bibliográfica dalgúns socios nosos, como Anxo Fariña.

Desde esta ligazón pode accederse ao programa completo de actividades (PDF, 484 kb), e desde estoutra ao cartel, a cargo de Miguelanxo Prado, en alta resolución. A nota de prensa oficial pode lerse aquí.

Compartir