O colectivo Polaqia anuncia a súa despedida cunha exposición na Coruña

Entre o 20 de xuño e o 29 de xullo, o Espazo Normal, centro de actividades culturais da Universidade da Coruña, acollerá a exposición Acción #1 Polaqia, Nin9 e Sr. X; nela xúntanse traballos de banda deseñada e de arte urbana. Os membros do colectivo Polaqia mostrarán debuxos e páxinas de banda deseñada, un mural, vinilos e unha peza audiovisual; son traballos de Brais Rodríguez, Bernal Prieto, Hugo Covelo, Emma Ríos, David Rubín, Sergio Covelo, José Domingo, Roque Romero, Diego Blanco, Álvaro López e Luis Sendón, ademais de achegas de Kike Benlloch, un dos membros fundadores do colectivo. Canda eles, Nin9 e Sr. X realizarán dous murais individuais e outros dous conxuntos neste espazo.

A exposición contará con actividades paralelas nas que se debaterá sobre BD e arte urbana, e servirá como anuncio e primeiro acto da despedida do colectivo, nacido hai xa dez anos. As actividades que Polaqia desenvolverá como fin da súa traxectoria acabarán co derradeiro día de 2011. No catálogo da exposición argumentan como explicación deste final o feito de teren conseguido sobradamente os obxectivos iniciais do proxecto, que entenden que debe dar paso a outros.

Compartir