O mundo da BD mobilízase contra a supresión da bolsa AlhóndigaKomik

Unha carta aberta, asinada por centos de persoas ligadas ao ámbito do cómic (entre eles, varios dos socios da AGPI), así como colectivos como a Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), foi feita pública onte como medida de protesta contra a supresión das bolsas outorgadas por AlhóndigaBilbao.

A nota de prensa que acompaña a carta considera as bolsas como «un referente fundamental no campo da BD nas nosas fronteiras, e fóra delas», e como «unha iniciativa pioneira cuxa traxectoria fica truncada coa súa drástica cancelación». «Unha bolsa única en España», continúa a nota, «recoñecida a nivel internacional, convertida nun exemplo a seguir». Nos seus cinco anos de existencia, a bolsa «obtivo excelentes resultados» en proxectos que se desenvolvían na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia): Clara Tanit, Lola Lorente, Álvaro Ortiz, Alfonso Zapico e o noso socio Martín
Romero.

A carta aberta recibiu o apoio non só de figuras do cómic nacional, como Max, Felipe Hernández Cava ou Miguel Gallardo, senón tamén do ámbito internacional, como Art Spiegelman, Chris Ware ou Benoît Peeters.

Compartir