O Día da Ilustración 2026 renderá homenaxe ao artista Siro.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración -AGPI- e a Xunta de Galicia seguirán a apostar, tal e como xa se fixo o pasado ano, polos homenaxes en vida de figuras clave da ilustración galega contemporánea.

Tras dez anos reivindicando referentes históricos e pioneiros no eido da ilustración galega, tales coma Lolita Díaz Baliño, Federico Ribas, Chichi Campos ou Reimundo Patino, no ano 2025 decidiuse mudar o modelo de homenaxe e contar con autores contemporáneos, sendo o primeiro deles o mindoniense Xosé Vizoso. A colaboración directa co autor supuxo unha mellora notable na conexión entre autor -e obra- co público.

No ano 2026 será Siro o autor escollido. Coñecido polo seu traballo de caricaturista político e de humorista gráfico, destaca tamén como retratista, debuxante e pintor, ademais de destacar noutros eidos coma o do xornalismo ou o ensaio. Foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego ¿Imos aló?, emitido na TVG entre 1989 e 1990.

Nado en Ferrol no ano 1943, Siro descríbese como un debuxante precoz, recoñecendo unha notable facilidade para o debuxo dende ben cativo. Posuidor dun trazo áxil e decidido, non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel, técnicas dixitais… Tamén experimentou coa cor e a mancha, recoñecendo que tardou en pintar polo respecto que lle daba a técnica.

Día da Ilustración

O Día da Ilustración naceu cos obxectivos de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural e de facer, cada ano, homenaxe a un ilustrador ou ilustradora galega. A efeméride foi creada no ano 2014, tomando como referencia a data do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao -o 30 de xaneiro-, incluída no Calendario do Libro e da Lectura que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Compartir