Obradoiro de grafitti en Betanzos

obradoiro grafitti sekone Grafitti de Sekone.

Sekone infórmanos de que os días venres 14 e sábado 15 de xullo impartirá un obradoiro de grafitti no paseo da Tolerancia de Betanzos, de 22:00h a 1:00h, dentro da
programación de Fest@ctiva. Cóntanos, ademáis, sobre esta festa…:

Fest@ctiva é un programa de actividades para a mocidade que propón un ocio alternativo á perspectiva comercial que presenta na actualidade o entretemento nocturno, ofrecéndolle un xeito diferente e anovador de autoxestionar o seu tempo e de relacionarse nun espazo que xa habitualmente empregan para a reunión, enriquecendo ese lugar con actividades como proxeccións, obradoiros, actuacións, concertos… As actividades son guiadas por especialistas na materia e nelas todas as persoas poderán liberar a súa creatividade ao tempo que gozan do seu tempo libre dunha forma activa, lúdica e formativa.

Os seguintes son algúns dos obxectivos de Fest@ctiva:

  • Promover entre a mocidade alternativas para un uso en positivo do seu tempo libre, especialmente o nocturno, fóra da rutina pasiva e consumista que caracteriza actualmente o seu ocio.
  • Ofrecer actividades de tempo libre, incluso representacións teatrais e concertos, sen límites de participación por motivos económicos.
  • Recuperar os espazos públicos para o encontro entre a mocidade, aproveitando ao máximo os recursos que ofrece cada cidade ou vila.
  • Ofertar un programa de actividades novedosas, con cursos e demostracións de materias como graffite, hip hop, dj, malabares, … tan demandadas pola mocidade nos últimos anos.
  • Propoñer actividades creativas e formativas, como obradoiros de malabares, clown ou percusión africana, facendo partícipes aos mozos e mozas da autoxestión do seu propio ocio.
Compartir