A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración prosegue o seu ciclo «Tertulias AGPI». Será o próximo mércores 16 de marzo, ás 19:30 h na Galería Sargadelos da Coruña (rúa Real 56, 15003 A Coruña) coa titulada «Os retos da era dixital: como afrontar os novos tempos no mundo da ilustración», que contará como convidado especial con Henrique Torreiro, xerente da FADIP e coordinador do Observatorio da Ilustración Gráfica. O acto está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.
A irrupción dos medios dixitais, e nomeadamente da internet, ten suposto un cambio radical na sociedade, e tamén no exercicio profesional da ilustración. Ao lado das múltiples vantaxes que trae consigo, os novos tempos teñen tamén algúns riscos aos que é importante prestar atención. Coincidindo coa recente publicación do informe do Observatorio Los retos de la era digital, falarase nesta ocasión de todas as novas situacións que se están a dar na relación dos ilustradores coas editoriais, os medios de comunicación e as demais industrias con que colaboran. Para abrir o coloquio, intervirá Henrique Torreiro, coordinador dos traballos do Observatorio.
Este faladoiro conta coa colaboración da Galería Sargadelos da Coruña e co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
A AGPI desenvolve o seu programa «Tertulias AGPI» de forma aperiódica en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e intercambio de información e coñecemento entre os ilustradores.