Pablo Auladell, Premio Nacional do Cómic 2016

 Pablo Auladell foi galardoado hoxe co Premio Nacional do Cómic 2016 pola súa obra El paraíso perdido. O xurado escolleu esta obra, inspirada no poema homónimo de John Milton, por «o gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa, que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2015».

Pablo Auladell (Alacante, 1972) é docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School en Macerata (Italia). Ten ilustrado máis de trinta álbums, novelas e cómics, e a súa obra ten sido exposta en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Boloña e Xenebra. Co seu primeiro álbum de BD, El camino del titiritero, foi finalista na categoría de Autor revelación no Salón de Barcelona de 2002. En 2006 obtivo ese mesmo premio por La Torre Blanca (2005). Tamén foi recoñecido co premio do Ministerio de Cultura ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos, de Hans Christian Andersen.

O xurado, presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e coa subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, como vicepresidenta, estivo composto por Juan Díaz Canales, un dos autores galardoados en 2014; Ulises Ponce, designado pola AACE; Mamen Moreu, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence á AGPI—; Eva Cosculluela, pola CEGAL; Anna Abella, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic; Juan Bordes, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Elisa MacCausland, pola FAPE; María Soledad Sánchez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Gerardo Vilches, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Compartir