Postura da AGPI no asunto dos dereitos de autor

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) únese a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AEGL), e reivindica xunto a eles a regularización dos pagos dos dereitos de autor, destacando que os ilustradores e os escritores teñen dereito, como autores, a cobrar polo seu traballo un adianto e unha liquidación dos dereitos de autor.

Manel Cráneo, ilustrador e presidente de AGPI, afirma que hai moitos editores que ignoran as súas obrigas para cos autores, e que existe unha Lei da Propiedade Intelectual, aprobada polo Real Decreto Lexislativo de 12 de abril, núm. 1/1996, que ampara aos autores máis do que realmente moitos pensan. Esta lei, que alude aos dereitos morais e de explotación, polo xeral non é respectada polos editores non só en Galicia, senón a nivel estatal, e está relacionada coa propiedade intelectual que calquera cidadán adquire ao ter publicada unha obra da súa creación.

A directiva de AGPI expón polo tanto que un ilustrador profesional é aquel que traballa cuns determinados prazos (a maior parte das veces mínimos), e que cumpre, como esixe o contrato, tanto na execución como nas entregas, e considera que os editores tamén deben cumpri-la súa parte, que é pagar un adianto no momento da entrega do traballo, unha porcentaxe de dereitos de autor liquidados semestral ou anualmente, e coidar a edición do traballo do ilustrador.

Na maior parte dos casos, as editoriais non cumpren con algunha destas tres condicións mínimas. Isto provoca que moitos ilustradores profesionais deixen de traballar para editoriais galegas e busquen traballo fóra, e que algunhas editoriais se aproveiten da xente que está empezando co seu traballo de ilustrador e que, por descoñecemento, firma contratos abusivos perxudicando a todo o sector.

Kiko Dasilva, ilustrador e membro da directiva da AGPI, opina que a situación que se dá habitualmente é que as editoriais impoñen relacións contractuais nas que ou ben os dereitos de autor non aparecen, ou están por debaixo do 4%. Ademais pagan habitualmente un fixo sempre por baixo do mínimo estipulado polo Libro Branco da Ilustración.

Este libro contén as tarifas orientativas mínimas e medias referentes a libros ilustrados e foi repartido entre os membros da Comisión Polo Libro e a Lectura da Xunta de Galicia o ano pasado para que fose valorado polos representantes dos diferentes sectores da industria do libro. Está editado pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), que engloba a tódalas asociacións españolas de ilustradores.

Outro caso moi frecuente é que os editores obriguen aos escritores a reparti-la porcentaxe dos dereitos de autor co ilustrador, cando se sabe que son independentes; isto provoca un malestar entre escritor e ilustrador xerado por unha mala xestión de ditos dereitos, que reduce á metade os seus ingresos.

Cremos que o problema se subsanaría en boa medida se as editoriais utilizasen o Contrato Marco subscrito e elaborado conxuntamente en 1999 polas Federacións españolas de Editores, Escritores e Ilustradores.

Compartir