Premio Nacional de Ilustración para El Roto

Andrés Rábago, coñecido polos seus pseudónimos OPS e El Roto, foi galardoado hoxe co Premio Nacional de Ilustración 2012, «pola súa visión crítica, poética, aguda e intelixente que nos axuda a
reflexionar sobre como somos e como vivimos; ademais de pola súa defensa
do libro en particular e da cultura en xeral como ferramentas
imprescindibles para a construción dunha sociedade avanzada». O
galardón está concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor
realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das
letras españolas», e está dotado con 20.000 euros.

Andrés Rábago García (Madrid, 1947) comezou a publicar viñetas en 1968. Colaborou en revistas como Hermano Lobo, La Codorniz, Triunfo, Cuadernos para el Diálogo, Ajoblanco, Tótem, El Jueves ou Madriz, e en xornais como Diario 16, El Periódico de Catalunya, Informaciones, Pueblo, La Hoja del Lunes ou El País, onde publica na actualidade. É autor de numerosos libros, o último dos cales ata o de agora é Viñetas para una crisis (2011).

O xurado do premio foi presidido por Teresa Lizaranzu, directora xeral de Políticas e Industrias Culturais e do Libro, e composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; José Luis Merino, designado pola APIC; Carlos Ortín, pola APIV; Fátima García, pola APIM; o noso socio David Pintor, pola AGPI; Javi Kintana, pola Euskal Irudigileak; David Heras, pola FADIP; Francisco Castro, pola OEPLI; Manuel Alcorlo Barrero, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; María Dolores González López-Casero, a proposta do ministro de Educación; e os galardoados en edicións anteriores, Ana Juan (2010) e Emilio Urberuaga (2011).

Compartir