Presentación de ‘Imaxinando Cantares gallegos’

No 150.º aniversario da publicación do libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, 28 ilustradores e gravadores interpretaron os poemas deste libro básico da cultura galega. O proxecto foi unha iniciativa do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño), da Deputación de Lugo, en que unha
trintena de autores foron convidados a participar (a través dun proceso
de selección) nunha xornada de portas abertas en outubro de 2013.

Hoxe, ás 20:00 h, preséntase a edición do libro Cantares gallegos con todos eses traballos, coincidindo coa inauguración dunha nova exposición, nesta ocasión na Capela de Santa María (ronda da Muralla, 27001 Lugo). O acto contará ademais coa interpretación dalgúns dos poemas do libro polo grupo musical Clave de Fado.

A mostra cos resultados está composta por unha colección de obras das
máis diversas técnicas (acuarelas, lapis, tintas, acrílicos, gravados,
etcétera), e cada unha das 33 ilustracións corresponde a un poema do
libro.

A nómina completa de autores presentes na mostra ten unha ampla presenza de socios da AGPI: Alberto García Ariza, Xosé Cobas, Eduardo Baamonde, Almudena Aparicio Andión, Quico, Noemí López, Jaime Asensi, Carlos Arrojo e Sergio Covelo.

A exposición poderá visitarse ata o próximo 12 de xaneiro.

Compartir