Preséntanse os Cursos AGPI

A AGPI pon en marcha unha nova actividade que desenvolverá de forma periódica en varias localidades galegas: os Cursos AGPI. Tratarase de sesións dunha xornada de duración, dirixidas a profesionais da ilustración e a toda persoa interesada. O primeiro destes cursos será o sábado 25 de agosto, e xirará en torno á aplicación dixital da cor. Consistirá en dúas clases maxistrais de tres horas cada unha impartidas por dous profesionais amplamente recoñecidos: Sergio Casas e Patricia Castelao.

O curso desenvolverase no Centro Ágora da Coruña (rúa Ágora, 15010 A Coruña), ao longo de todo o sábado, e incluirá un xantar para os asistentes. Ademais, unha vez finalizado o curso completarase co IlustraNoite, un formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración, aberto a todo o público.

A tarifa de inscrición é 20 euros para socios da AGPI, 30 euros para estudantes de arte e 50 euros para o resto. As prazas son limitadas, e han de facerse antes do 14 de agosto. Toda a información do curso e o boletín de inscrición poden encontrarse nesta ligazón.

Compartir