Primeiras presentacións galegas de ‘El héroe’

A primeira parte da novela gráfica El héroe, a nova obra de David Rubín, será presentada mañá, mércores 20 de abril, na libraría Alita Cómics (rúa do Orzán 110B, 15003 A Coruña). Será a partir das 20:00 h cando Rubín ofreza aos asistentes unha charla sobre este libro, e a continuación unha sesión de autógrafos.

O día 23, ás 19:00 h, a sesión de sinaturas será na Feira do Libro de Allariz. Complementarase ás 20:00 h noutro acto de presentación, desta vez na Fundación Vicente Risco (rúa San Lourenzo 3, 32660 Allariz, Ourense).

El héroe (Libro uno), editado por Astiberri, foi presentado a semana pasada no marco do Saló del Còmic de Barcelona. Nel, o seu autor revisita a historia de Heracles desde o seu nacemento, mostrando baixo un novo e ambicioso prisma as doce probas que realizou, e, tal e como di a súa editorial, «reúne épica e reflexión para propor un cómic-río de coidada posta en escena, espectacular narrativa e desbordante tratamento da cor».

Non é esta a única noticia relativa a David Rubín, xa que a curtametraxe Radiografía dun autor de tebeos, dirixida por Marcos Nine, gañou este domingo o Premio Mestre Mateo ao mellor documental.

Actualización: O xoves 28 de abril, ás 19:00, inaugurarase a exposición «Un acto heroico», conformada por pranchas do libro El héroe, na galería Zona C (rúa de San Domingos de Bonaval 1, 15703 Santiago de Compostela). Cada unha das páxinas expostas incluirá todas as fases do seu proceso creativo. A mostra estará aberta ata o 26 de xuño.

Compartir