Brotar

Descrición do proxecto:

Brotar é unha homenaxe ao traballo artesanal, feito dende as mans e o corazón. A través da súa protagonista, Mirta, paseamos por escenarios teatrais que se constrúen partindo de técnicas analóxicas, conseguindo así acabados orixinais e sinxelos. Montse Piñeiro toma como referencia ás súas avoas, exemplos da forza e sabedoría da experiencia, para revelar un universo máxico que nos transporta á nosa infancia. A música orixinal de Rubén Abad danza coas imaxes e nos leva aos comezos do século XX, atravesando tintes impresionistas que se mesturan coas luces e cores que acompañan toda a peza.

Alifáfaro nace na primavera de 2019 da man da artesana e escenógrafa Montse Piñeiro e do músico Rubén Abad. O proxecto xorde da mestura entre a experimentación da técnica stop-motion sobre obxectos orixinais en cerámica de Montse e a produción masiva de espazos sonoros e musicais por parte de Rubén. Neste combinado de linguaxes xurde unha colaboración que eleva os seus esforzos persoais a unha creación completa, na que música e imaxe se dilúen para conformar unha soa peza onde todo encaixa.
A nivel visual, Alifáfaro integra unha serie de técnicas relacionadas coa chamada vella escola: debuxo a man, cerámica, mecanismos visuais, construción de escenarios, collage, fotografía… que evocan á etapa clásica da animación e nos que se nota a clara influencia de cineastas como Ian Svankmajer ou os irmáns Quay, buscando a atemporalidade no traballo feito a man.
No plano musical compleméntase ese concepto tradicional pola ausencia de electrónica, o uso de coros que invocan aos Beach Boys, á radio americana dos 50, ó impresionismo de Debussy, á orixe nunha estructura de canción ou de peza clásica, mantos de sons apacibles que flúen por mundos imaxinarios.
As dúas partes conciben un cosmo que semella transportarnos aos comezos do século XX, onde conviven Django Reinhardt, as irmás Boulanger, Orson Welles, Marlene Dietricht, Maurice Ravel, Lotte Reiniger, Chaplin, nacen as vangardas, chega a música latina, o jazz… estamos no ano 2019, uns novos tolos anos 20 están por comezar.


Autor:
Categorías: Animación , Deseño de personaxes , Infantil/Xuvenil ,


Compartir