Músicas Galegas Ilustradas

Descrición do proxecto:

Sobre o proxecto

Músicas Galegas Ilustradas é un proxecto ideado e levado a cabo por Laura Romero, ilustradora e a baixista da veterana banda de rock galega Zënzar.

Foi ó decatarse da escasa participación de mulleres en festivais cando se preguntou por primeira vez o porqué desa ausencia feminina. Realmente somos tan poucas ou simplemente o parece? Á pregunta a seguiu unha listaxe de nomes de músicas (cantantes e instumentistas) que coñecía, a listaxe foi medrando e decidiu acompañar cada nome cunha ilustración para chamar a atención sobre o traballo das retratadas.

Dando un paso máis dentro deste proxecto, ó longo do ano 2019 traballouse nun libro ilustrado titulado Ferreñas e Rock’n’Roll, que recolle a historia de 31 músicas e bandas femininas pioneiras e senlleiras do século XX. Galardoado co Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, da Deputación da Coruña, foi a primeira vez onde a autora de MGI puido traballar con máis xente: Iria Pedreira redactando os textos e Baía como editorial.

Galardoado cun Premio Martín Códax da Música como mellor Medio de Comunicación Musical no ano 2020, actualmente o proxecto está formado por máis de 200 ilustracións (con máis de 250 mulleres retratadas) e varios gráficos onde se analiza a proporción de músicas e de músicos que participan nos festivais galegos.

No ensino, as ilustracións e a temática son moi valoradas, especialmente por docentes das áreas de música, de lingua galega e de educación plástica. Forma parte dos contidos de Música e Lingua, unha actividade da banda Zënzar dirixida a alumnado da ESO.

 

 

Máis info:

www.musicasgalegasilustradas.com

Novas/blog

 


Autor: Laura Romero
Categorías: Retrato/Caricaturas , Web/App ,


Compartir