Revisión de portafolios e ‘SketchCrawl’ no Viñetas

Esta fin de semana, máis actividades da AGPI no Viñetas.

Mañá, venres 9, de 12:00 a 14:00 h, na caseta da AGPI na «Rúa da BD», primeira das sesións de revisión de portafolios, con nomes de primeirísimo nivel: Max e David Aja atenderán, gratuitamente, todos os ilustradores que se acheguen cos seus books para recibir as súas recomendacións e consellos profesionais.

O sábado 10, a partir das 10:00 h, desenvolverase —conxuntamente co grupo de Urban Sketchers da Coruña— o Sketchcrawl especial Viñetas desde o Atlántico; esta saída para o debuxo en caderno pola rúa comezará no Kiosko Alfonso (sede central das exposicións e charlas do Viñetas).

E a partir das 12:00 h, Carlos Portela e Fran Bueno serán os encargados da segunda sesión de revisión de portafolios, de participación tamén gratuíta.

Todas estas actividades están abertas a todas as persoas interesadas, estiveren ou non asociadas á AGPI.

Compartir