Revisións gratuítas de portafolios no Viñetas

Entre as actividades que propón a AGPI para a súa caseta no festival Viñetas desde o Atlántico están dúas sesións de revisión gratuíta de portafolios a cargo de autores de recoñecida experiencia profesional en diversos ámbitos da banda deseñada.

Así, este venres 10, entre 12:00 e 14:00 h, serán Javi Montes e Alberto Guitián, e o sábado 11, no mesmo horario, Emma Ríos e David Rubín os que ofrecerán os seus consellos a calquera persoa interesada que queira achegarse cos seus traballos á caseta da AGPI (a n.º 1 na feira do festival, ou «Rúa da BD»). A experiencia de calquera dos catro (en BD europea e norteamericana, novela gráfica, etcétera) fai que esta sexa unha ocasión singular para coñecer unha perspectiva profesional sobre como enfocar o propio traballo, e tamén como mostralo a través do portafolio persoal.

A actividade está aberta a calquera ilustrador ou ilustradora, afeccionado ou profesional, sexa ou non socio da AGPI.

Compartir