Onte dábase a coñecer que o guionista Santiago García e o debuxante Javier Olivares foron galardoados co Premio Nacional do Cómic correspondente a 2015 pola súa obra Las meninas. O xurado escolleuna por «ser unha obra que asume un risco na
estrutura narrativa e no enfoque gráfico, que se resolve con
brillantez, e por constituír un bo achegamento á figura de
Velázquez, a súa época e a súa influencia noutros artistas». O premio,
concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado
con 20.000 euros e ten como obxecto distinguir a mellor obra publicada
en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior.
Santiago García (Madrid, 1968) é licenciado en xornalismo, tradutor e guionista de cómic. Ten escrito textos
especializados sobre banda deseñada e dirixiu as revistas U e Volumen. Entre os seus álbums de cómic destacan a serie El vecino, realizada con Pepo Pérez; o álbum La tempestad, debuxado por Javier Peinado; a adaptación de Beowulf, con David Rubín, e a novela gráfica García, con Luis Bustos.
Pola súa parte, Javier Olivares (Madrid, 1964) é ilustrador e historietista; iniciouse na revista Madriz nos anos oitenta, e desde entón ten combinado o seu traballo en numerosas publicacións (como El País Semanal ou El Mundo) coa ilustración de libros de todo tipo. Entre os seus cómics máis destacados están La caja negra, Cuentos de la estrella legumbre e El extraño caso del doctor Jekyll y mister Hyde, con guión tamén de Santiago García.
Las meninas ten obtido ademais, entre outros, o premio á Mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona.
O xurado estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández. Compúñano os autores galardoados na edición de 2014, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido; Álvaro Muñoz, designado pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Jorge González, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), á que pertence a AGPI; Daniel Aubareda, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros; Justo Barranco, por Ficomic; Leticia Azcue, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España; Magdalena Suárez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Antoni Guiral, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.