Se está xa a catalogar a obra que Castelao produciu como ilustrador ao longo da súa vida.

Fonte: Consellería de Cultura

No 123 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Buenos Aires, 1950), a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, presentaron esta mañá un balance do traballo feito ata o momento na catalogación universal da obra do rianxeiro.

O vicepresidente da Fundación e director da investigación, o historiador Miguel Anxo Seixas, informou de que xa se catalogaron unhas 1.600 pezas das máis de 3.000 que hai esparexidas polo mundo. O traballo que se está a levar a cabo, cun financiamento de 300.000 euros por parte da Consellaría de Cultura, consiste nunha catalogación da obra tremendamente detallada, que inclúe a autentificación e historia de cada peza, a súa dixitalización e a súa datación.

Segundo manifestou Seixas, tamén se está a catalogar a súa obra menos coñecida, o “Castelao ilustrador” que lle deu trazo e cor a numerosas cubertas de libros ao longo da súa vida. Subliñou, asemade, que “grazas a este labor de investigación poderemos reconstruír non só a súa obra, senón tamén a súa vida”, e lembrou que aínda está por facer a gran biografía de Castelao. O 28 de xuño deste ano cumpriranse 25 anos do traslado dos seus restos a Galiza.

A Fundación quixo agradecerlle a colaboración a numerosos particulares e institucións galegas que conservan e coidan obra de Castelao por colaboraren co proxecto, citando ao Museo de Pontevedra, o Museo de Lugo, o Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Bello Piñeiro, Fundación CaixaGalicia, Colección Caixanova, Fundación Barrié, Fundación Penzol, Fundación Vicente Risco, Fundación Otero Pedrayo ou o Faro de Vigo.

Colaboración cidadá

Seixas tamén aproveitou para reclamar a colaboración de cidadáns que poidan ter orixinais ou copias de obras de Castelao para proceder á súa catalogación e posterior dixitalización. No acto lembrouse a dificultade de localización e compilación de todo o material creativo, que está esparexido polos lugares nos que foi transcorrendo a súa vida: Galiza, Madrid, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, Montevideo, México, Chile e Venezuela.

O proxecto conta cun grupo de 5 especialistas que está a acudir tanto a institucións públicas coma privadas que garden parte da obra do galeguista, a hemerotecas xornalísticas e mesmo coñecidos na procura da obra inédita. A obra do rianxeiro está integrada por colaboracións literarias, creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discursos parlamentarios, cartas, manuscritos, debuxos…

En Galiza e na diáspora

Para garantir a máxima rigorosidade no estudo e a compilación o máis exhaustiva posible, o equipo integrante desta investigación dividiuse entre 5 cidades para estudar o paso e creación de Castelao por elas. Unha é Vigo, onde se peneirou o que hai deste autor na Fundación Penzol, con especial interese na densa variedade de colaboracións que desenvolveu con distintas publicacións, como El Barbero Municipal, Vida Gallega, A Nosa Terra, Nós, El Pueblo Gallego… e tamén para recoller os case 800 debuxos publicados en Faro de Vigo e o xornal Galicia.

Outro dos puntos é Santiago de Compostela, de onde se extraeu material gardado entre a Biblioteca Xeral, a Facultade de Xeografía e Historia e o Instituto Padre Sarmiento. Na Coruña a investigación desenvolveuse nos fondos do Museo de Belas Artes, da Real Academia Galega e da Fundación Caixa Galicia; mentres que en Lugo o estudo desprazouse ao Museo de Lugo e a Biblioteca Provincial.

Complétase o percorrido vital do galeguista cunha última parada onde tamén deixou a súa pegada: Madrid. Os lugares onde se atopan ilustracións e textos de Castelao son o Arquivo de Alcalá de Henares e a Biblioteca Nacional.

Neste 2009, a investigación cruzará o Atlántico para analizar a actividade do galeguista no exilio, onde se espera atopar a metade da súa obra, da que se calcula existen cerca de 3.000 pezas por todo o mundo.

A compilación da obra de Castelao é unha das iniciativas máis importantes para a Consellaría de Cultura polo que ten de salvagarda do patrimonio cultural galego disperso na diáspora. Este catálogo estará á disposición do público e dos investigadores na Biblioteca Nacional de Galicia.

Compartir