Cartel: Antonio Mingote
Texto: Manel Cráneo.
Un ano máis Silleda repetirá a súa experiencia da Semana do Humor, na que AGPI participou o ano pasado coa exposición Can de Palleiro.
A cita terá lugar dende o 28 de abril ata o 1 de maio na vila pontevedresa.
Este ano os organizadores volven ter unha axenda moi completa de actos. Cabe tamén destacar o deseño de cartel que corre esta vez a cargo dun dos máis prestixosos humoristas gráficos españois e membro da Real Academia Española en 1988, Antonio Mingote, do que tamén se proxectará un vídeo documental.
O obxetivo principal dos actos que engloba esta semana é unica e exclusivamente crear sorrisos, un gran reto que os organizadores pensan conseguir un ano máis a través de actuacións teatrais e de mimo ou clown, espectáculos na rúa, exposicións, monólogos nos bares, presentación de publicacións, etc.
Entre os convidados cítanse El Brujo, Joseph Collard, Konstantine, Cándido Pazó e as compañías teatrais Les Lubb ou Viravolta Títeres entre outros.
Das exposicións que se amosarán este ano destacamos a de planchas da revista BD Banda, premiada no 2005 no Saló Internacional do Cómic de Barcelona e na que poderemos encontrar o traballo de moitos membros da AGPI.
O sábado 29 presentarase o Festival Statics de estatuas vivintes espalladas polas rúas de Silleda.
Entre os convidados adicados ao humor gráfico estarán Luís Davila, Javier Aguilera, Gogue e o noso socio Dani Montero que acadou o premio á mellor colección de caricaturas na última Bienal de Ourense. Os dous últimos, farán catro sesións de caricaturas o sábado e domingo en diferentes puntos da vila.
Os talleres deste ano invitarán a introducirse no mundo do clown, os monólogos e as tiras de humor dirixidos por Joseph Collard, Cándido Pazó (premuio Max de teatro) e Davila e Aguilera na última modalidade.
Tres galegos recoñecidos a nivel nacional, Luis Piedrahita, Nancho Novo e Javier Veiga serán os encargados de pechar esta edición cunha sesión de monólogos o vindeiro domingo despois dunha semana que promete acadar o seu obxetivo principal: provocar a ledicia a través dos sorrisos.
O que teña pensado suicidarse próximamente xa sabe onde poderá morrer da risa o vindeiro fin de semana.