Siro López: O Humor en Castelao

Mañá, mércores 26 de abril, ás 20.00 horas, a sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña (Cantón Grande. 21-23) acollerá unha conferencia do xornalista e debuxante Siro López, que será presentado polo tándem xornalístico formado por Pinto e Chinto.

Esta actividade está enmarcada no ciclo O Estatuto, marco de concordia, unha iniciativa promovida por esta entidade que levará o debate ao redor da primeira norma institucional galega por numerosas localidades galegas.

O Humor en Castelao.
Castelao tivo un talento artístico pouco común que lle permitiu afondar en eidos moi distintos das creacións plástica e literaria. Porén, é no humor gráfico e literario onde acadou niveis de calidade que o converteron nun dos grandes creadores europeos, e o único que practicou con idéntico enxeño as dúas actividades. Se como humorista literario bebeu das fontes do humor popular galego, presente no refraneiro, no cantigueiro, nos contos e demais manifestacións da cultura oral, como humorista gráfico asumiu a caricatura modernista que a comezos do século XX apareceu en Munich. Deste e outros temas falaranos Siro López nesta interesante charla.

Siro López Lorenzo.
Artista plástico e xornalista. Publica os primeiros debuxos na revista Chan, logo da cal traballa en outros xornais ata pertencer na actualidade á redacción de La Voz de Galicia. Tamén durante anos colaborou en revistas como Encrucillada ou Grial. Ten publicado obras ensaísticas (Con Rafael Dieste nos arquivos do trasno ou Luis Seoane debuxante), álbums (Siro trinta anos despois ou Xente na brétema), teatro e obras didácticas, ademais de ilustrar varios libros de Xabier Alcalá, Pepe Carballude, Neira Vilas, Manuel Rivas, etc. Conta con varios premios, o máis recente o Álvaro Cunqueiro de Teatro. Participou en varias canles de radio e na TVG realizando diversos espazos culturais e humorísticos.

Fonte: Gabinete de prensa da Fundación Caixa Galicia

Compartir