Sobre a convocatoria de axudas á creación da BD.

Perante a polémica suscitada pola publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas para a creación de banda deseñada, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración quere manifestar que non avala dita convocatoria. Aínda que formamos parte, xunto con outros colectivos, da comisión que puxo en marcha a iniciativa e estivo a disposición da Administración naquelas cuestións que lle foron suscitadas no decurso do proceso de tramitación de ditas axudas, o documento final non responde ao que esta asociación propuxera ante a administración; e dado que AGPI nin tivo acceso ao texto completo da orde antes da súa publicación, nin participou na redacción das mesmas, en ningún caso podería avalar oficialmente o contido da orde.
As bases finais redactadas polo gabinete da consellería de Cultura e publicadas no DOGA non son o que nós esperabamos, polo que estamos sensiblemente decepcionados. A AGPI polo tanto, como colectivo, participa da inquietude dos seus membros, que se resume fundamentalmente nos seguintes puntos:

A esixencia de titulacións: o quid da cuestión, e ao noso entender o que fai que este sexa o punto máis polémico da orde. Non é so que dende a administración se requiran unhas determinadas titulación aos creadores de BD, senón que este será un criterio imprescindible para a consecución das axudas, e non un mais dos baremos de puntuación para o acceso a unha bolsa. Este requisito invalida á meirande parte dos creadores de BD galegos, e polo tanto ao seren excluinte non poden ser aceptadas coma axudas válidas para o sector.

Xustificación de gastos: a petición de xustificar os cartos recibidos trasforman a idea inicial de ofrecer bolsas á creación dun proxecto a convertilas en subvencións á edición dese proxecto.

Outros puntos discutibles son a precariedade nos plazos nos que deben ser presentados os materiais.

Proximamente celebraremos unha reunión de directiva e outra reunión cos responsables da dirección xeral da Xunta na que debatiremos este asunto, e con posterioridade a esas reunións a AGPI fará unha análise mais polo miudo do sucedido.

Santy Gutiérrez,
Presidente da AGPI

Compartir