Crónica do taller de Painter celebrado en Santiago de Compostela o 17/06/06.
Escrita por José Tomás.
Todo empezou, como non podía ser menos, nun bar. As forzas vivas (algunhas delas) da ilustración galega dábanse cita no bareto de en fronte cos cafés vespertinos. Ola, que tal eu son Charlie, o profesor, ola, eu son Patricia, pero non Castelao, pois eses deben de ser os Covelos, que son clavaos. En fin, warming up, que din os ingleses. Primeiros problemas técnicos: as CPUs non tiñan lector de CDRom, porque nun instituto non poden deixar barra libre aos estudantes ávidos de pirateos e demais. Rapidamente os axentes da Xunta (que estaban alí motu propio) e mais Charlie e o seu axudante reaccionaron e, nun par de periquetes, puxeron todo ao día: pen-drive por aquí, pen-drive por alá.
Xa estabamos todos sentados, como nenos no seu primeiro día de escola, pero en vez de cos plumieres, coas tabletas gráficas. De repente, esa voz. Era Quequé, o de Noche Hache. Coño, pois agora que o dis si que parece… É clavado!! Si, falaba como el, xesticulaba como el, modulaba como el, pero era Charlie. Comezou unha comparativa entre o deus Photoshop e o semi-deus Painter. Que se un aporta mellores comandos nisto, que se o outro cubre estes baleiros… Unha loita de titáns. Empezamos a ver como os pinceis facían a súa aparición estelar: bocas abertas, olladas cómplices… Ai, Painter, cando te colla a soas na casa…! Comezamos a frotar os lapis nas tabletas, e a probar, a xogar, e a babearrrr… O único que rompía a poesía daquel intre era a manía de Charlie-Quequé de usar comandos para todo: control-z, control-alt-l, control-t, control-v, parecía unha máquina de preservativos. E chegaron os filtros. A partires de fotos, destrozando, destrozando, obtivemos imaxes de cómic pop-art, e descubrimos por que están tan de moda uns anuncios que utilizan técnicas de cinco ou, como moito, dez minutos de elaboración. Vai fame, non si? Eu xa estou mareado, que onte saín. Pero Suso non facía máis que repetir que a luminosidade das cores era alucinante. Xa deran as dúas. E co cansazo e a calor, un golpe baixo: agora imos ver como opera o Painter coas capas… As capas!!! Como a fame é neghra, despachámolo nun plis plas, porque controlando como controlamos o Photoshop, isto é xogo de nenos.
A comida, inmellorable. Nun patio, nunha gran mesa de pedra, debaixo dunha parra. Hi, hi, ha, ha, ovos fritidos con patacas, hi, hi, ha ha, aquí sobran unha milanesa, hi, hi, ha, ha, non pasa nada, que xa a come Silvar… Cos cafés, Charlie levantouse, e comezou a mirarnos, en silencio. Había que levantarse. Chegamos á aula, e o profesor anunciou que o iamos pasar ben. E así fixemos. O programa xa tiña feito adeptos. Todos pensabamos en comprar a licenza o próximo luns. Pero mirade a luminosidade das cores, é alucinante!. E como todo vén sendo un eterno retorno, a reunión rematou noutro bar (bueno, ou polo menos alí quedaban). Non esqueceremos esa voz profunda de Charlie-Quequé, que nos quixo gañar para o lado escuro da forza.