Tertulia sobre BD no Consello da Cultura Galega

Lemos en culturagalega.org:

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega organiza esta tertulia sobre banda deseñada. Tres especialistas abordarán as singularidades da banda deseñada actual e a súa posición no sistema literario. Henrique Torreiro, organizador das Xornadas de Ourense; Kiko Da Silva, autor e promotor da revista “BD Banda”; Kike Benlloch, escritor, guionista de banda deseñada e membro do colectivo Polaqia.

A biblioteca do CCG no Pazo de Raxoi acollerá o martes 30 de maio ás 17 horas este encontro de reflexión e debate no que tres contrastados especialistas exporán os seus puntos de vista e cruzarán opinións sobre banda deseñada. A posición desta arte no sistema editorial e literario, a súa relevancia cultural e social, o estado da cuestión en canto a artistas, autores e editores e a as experiencias levadas a cabo ata o momento serán algúns dos temas que estarán sobre a mesa desta tertulia. Henrique Torreiro é promotor da banda deseñada e un dos maiores expertos de Galicia, el é unha das persoas clave nas Xornadas de Ourense, ademais de exercer de xestor cultural en diversas iniciativas e publicacións; Kiko Da Silva é autor de banda deseñada e humorista gráfico, tamén é promotor da revista “BD Banda” que este ano presenta exposición no Saló del Còmic de Barcelona; Kike Benlloch é escritor e guionista de banda deseñada, forma parte do colectivo Polaqia que edita a revista Barsowia, traballa como produtor do portal Culturagalega.org. A tertulia está aberta a quen queira asistir e participar.

Compartir