VI Encontro Galego de Ilustración en Santiago de Compostela

Como vén sendo habitual, na derradeira fin de semana de outubro desenvolverase en Santiago de Compostela, organizado pola AGPI, o Encontro Galego de Ilustración. O Encontro chega este ano á súa sexta edición, e contará coa presenza de Max e Horacio Altuna. As actividades abertas ao público serán pola mañá, este sábado, 31 de outubro, na sala da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela), a partir das 10:15 h. Despois das conferencias dos dous convidados, e dun breve intermedio musical a cargo do grupo vocal Crexendo Amodo, no Encontro haberá tempo tamén para a presentación do Informe 2008 do Observatorio da Ilustración Gráfica, cunha mesa redonda na que intervirán os propios Max (presidente de FADIP e membro da Comisión do Observatorio) e Horacio Altuna (presidente de APIC e tamén membro da Comisión), ademais de Henrique Torreiro (xerente de FADIP), Santy Gutiérrez (presidente de AGPI) e Manel Cráneo (vicepresidente de FADIP).

Pola tarde, haberá un xantar de confraternización para socios de AGPI (inscritos previamente), e, a partir das 17:30, a asemblea xeral de socios pechará a xornada.

Na rolda de prensa ofrecida hoxe, na que participaron Santy Gutiérrez, Manel Cráneo e Henrique Torreiro, foi presentado, ademais do programa do Encontro, o libro do Informe 2008, así como a versión galega deste, que pode ser descargada gratuitamente desde a web (PDF, 804 Kb).

O programa completo do Encontro pode descargarse aquí (PDF, 1,93 Mb).

Compartir