Este domingo 4 de febreiro comenza o oitavo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Como nos dous anos anteriores, a AGPI colaborou montando unha expo relacionada co tema central do Salón; nesta ocasión, o medo. O proceso foi o mesmo que o seguido na exposición anterior, Plantando libros: os ilustradores fixemos os debuxos que o tema nos suxeríu e despois enviámosllos ós escritores, que os ilustraron con palabras.
A exposición titúlase Apaga a luz, quero medo, inauguraráse o domingo ás 11:30h e permanecerá aberta un mes: ata o 4 de marzo. O horario de visitas é de luns a venres de 18:00 a 21:00, os sábados de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00, e os domingos de 11:00 a 14:00.
Tamén no Salón terá lugar a presentación da nova etapa da revista BD Banda, que, despois de máis de cinco anos promocionando e dando a coñecer os novos autores de BD galega máis alá das nosas fronteiras, aposta pola profesionalización e pasa a publicarse con publicidade semestral, en galego e en castelán.
Tanto os autores coma as series e todas as novidades do proxecto serán presentadas o vindeiro luns 5 de febreiro ás 18:30 da tarde, no Salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, abrindo así as presentacións editoriais do Salón.
Non acaban aí as actividades relacionadas co mundo da ilustración neste oitavo Salón do LIX; tamén haberá talleres con Noemí López, Itziar Ezquieta e Alberto Vázquez?, e as clases maxistrais das que falamos na nota anterior.
Toda a información sobre o Salón do LIX en salondolibro.org.