Vixésimo terceiras Xornadas de BD de Ourense

Nunha edición especial, cualificada pola organización como «de urxencia», chegan as XXIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que estarán presentes na cidade das Burgas ata o próximo día 18 de outubro.

Nelas poden verse tres exposicións: unha central, na Casa da Xuventude (rúa Celso Emilio Ferreiro 27, 32004 Ourense), titulada Homenaxe a Benito Losada, con obra de moitos dos autores galegos que colaboraron coas Xornadas ao longo da súa historia, e cuxo catálogo (o número 18 da revista O Fanzine das Xornadas) pode descargarse aquí (PDF, 129 Mb); e no Museo Municipal (rúa Lepanto 8, 32005 Ourense) a expo 10 anos de Polaqia, que fora realizada para o Espazo Normal coruñés, e mais a mostra do Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2010.

Alén disto, as Xornadas acollen esta fin de semana presentacións relacionadas coa banda deseñada, na nova libraría ourensá Sindicato del Cómic (rúa Doutor Marañon 15, 32005 Ourense). Así, mañá, venres 7, ás 13:00, presentaranse as novidades de Demo Editorial —que este ano recibiu o Premio Ourense de BD á mellor iniciativa—; pola tarde, ás 18:30, haberá unha presentación dobre, con David Braña e David Buceta por unha parte, e Alberto Guitián por outra. O sábado 8, ás 17:00, será o Colectivo Polaqia o que presente as súas últimas publicacións, entre elas o derradeiro número da revista Barsowia.

Tamén o sábado, ás 12:30, decorrerá na Casa da Xuventude o tradicional Encontro de Banda Deseñada, en que participarán, ademais de todo o público interesado, os autores presentes nas Xornadas.

O cartel desta edición é obra de José Domingo.

Compartir