No ano do seu décimo aniversario, a editorial KALANDRAKA incorpora o seu oitavo título a esta lista de honra.
O libro de KALANDRAKA titulado O sorriso de Daniela, escrito por Carmen Gil, con ilustracións de Rebeca Luciani, vén de ser incluido na lista ‘The White Ravens 2008’ (Os Corvos Brancos). Esta distinción recoñece O sorriso de Daniela como un dos mellores álbumes infantís publicados en toda España durante o pasado ano.
En anteriores edicións dos ‘White Ravens’, tamén foron distinguidos outros títulos de KALANDRAKA: Animais de Compañía (1999), Tío Lobo (2001), Onde perdeu Lúa a risa? (2002), O zapateiro e os trasnos e Nunca Máis (2003), Paxaros na cabeza (2006) e Smara (2007).
Por outro lado, o selo OQO recibiu unha mención de honra no premio da Feira do Libro Infantil de Boloña polo seu volume O gran libro dos retratos de animais, escrito e ilustrado por Svjetlan Junakovic, e que está editado en galego, castelán, inglés, francés e portugués.
OQO tamén vén de recibir en Italia un dos galardóns White Ravens polo seu libro Ovos duros, un conto popular do Magreb adaptado ao galego por Marisa Núñez e con debuxos de Teresa Lima (que recentemente obtivo o Premio Nacional de Ilustración de Portugal).