Xan López Domínguez fai o cartel do IBBY

O noso socio Xan López Domínguez é o encargado de ilustrar o cartel do 32º Congreso Internacional de IBBY, que decorrerá en Santiago de Compostela, do 8 ao 12 de setembro de 2010. O lema do encontro, «A forza das minorías», responde, segundo os organizadores, ao sentimento de que «dun modo ou outro todos formamos parte dunha inmensa minoría».

O International Board on Books for Young People (IBBY) é unha organización composta por asociacións e persoas de todo o mundo comprometidas coa idea de propiciar o encontro entre os libros e a infancia. Foi fundado en Zürich (Suíza) en 1953, e está constituído por setenta seccións nacionais. En España, IBBY está representado por OEPLI, organizada á súa vez en catro seccións en consonancia coa pluralidade cultural e lingüística do Estado; GÁLIX [http://www.galix.org] é a correspondente á lingua galega. Desde a súa fundación, o IBBY organiza cada dous anos un congreso en diferentes cidades do mundo; o último foi en Copenhague en 2008.

Compartir