Xurxo G. Penalta, gañador do «Combate de Debuxantes»

David Rubin con Xurxo Penalta no momento da súa proclamación como gañador. Foto: Diego Sendón

Onte tivo lugar finalmente o esperado «Combate de Debuxantes» organizado pola AGPI dentro da programación do Viñetas desde o Atlántico. Despois das diversas roldas de combates, que enfrontaron a Diego Blanco, Ghosttthead, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Xurxo G. PenaltaAlberto Vázquez —ademais dun combate extra entre os «managers» dos dous equipos, Miguel Ruiz Sekone e José Domingo, gañado por este último—, no round final os contendentes foron Ghosttthead e Xurxo G. Penalta. Do disputado combate resultou vencedor Xurxo, que recibiu o Cinto de Campión e mais unha saca cunha indeterminable cantidade de diñeiro.

Os combates, nos que os debuxantes debían reflectir nunha lámina de gran formato dúas palabras escollidas ao azar polo público, duraban catro minutos cada un, e logo destes era o público quen, erguendo unha tarxeta vermella ou azul, decidía o gañador do asalto. O evento contou con David Rubín como mestre de cerimonias, e congregou gran cantidade de persoas, que desfrutaron do espectáculo, dos petiscos e do sorteo final das láminas producidas no Combate.

Actualización: pode accederse á colección de fotos do Combate no Flickr da AGPI aquí.

Compartir