40 anos do Carrabouxo

Este 2022 cúmprense 40 anos da creación de O Carrabouxo, unha das persaxes máis coñecidas do humor gráfico en Galicia. Creado en 1982 polo noso socio Xosé Lois González Vázquez, coñecido popularmente como Xosé Lois como tamén polo nome da súa personaxe, Carrabouxo.
Nado nas páxinas do diario ourensán La Región, cabeceira onde se foi publicando diariamente dende 1982, foi creado coma un personaxe netamente galego (“galego-céntrico” en palabras do propio Xosé Lois) facilmente identificable ca maneira de ser do seu público. Xosé Lois expresou, a través do humor, as súas inquedanzas sociais e políticas nas súas viñetas ó longo dos anos. Polo seu cariz reivindicativo, moitas viñetas foron censuradas en diversas ocasións, tantas que mesmo deu orixe a unha exposición integrada soamente por Viñetas censuradas.

Xosé Lois, por Siro.

Tanta foi a popularidade de O Carrabouxo que ten unha estatua no parque de San Lázaro en Ourense, deu nome a algúns locais de hosterlería e mesmo tivo a súa propia serie de animación no ano 2000. As súas viñetas pódense atopar tamén en outros xornais como Atlántico Diario, Existen varias escolmas de O Carrabouxo publicadas pola deputación de Ourense.

Primeira aparición de O Carrabouxo

Convén salientar tamén o seu significado no contexto da cultura galega actual, ca súa reivindicación da nosa lingua e da nosa idiosincrasia, recibindo a Medalla Castelao en 2008, así como en 2013 o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outros galardóns.
Dende AGPI facemos esta pequena homenaxe dende a nosa web a un dos grandes nomes do humor gráfico e da ilustración do noso país e o seu célebre personaxe.

Compartir