A 2ª edición da Guía Ninja do Ilustrador xa está dispoñible

AGPI reedita e actualiza a pequena guía para profesionais que sacou en 2016 que tivo unha gran aceptación tanto dentro como fora de Galicia.

En 2016 sacamos a Guía Ninja do Ilustrador, guía de man dirixida a ilustradores freelance que foi tamén moi apreciada por outros profesionais creativos como deseñadores ou fotógrafos. Trátabase dunha breve guía de defensa para ilustradorxs freelance onde se fala dos principais perigos e problemáticas que rodean á profesión, e de como facerlles fronte. A Guía Ninja tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. Esta guía foi traducida no seu día a outros idiomas como o italiano e o turco.

Esta segunda edición conta con contidos actualizados e recolle temas candentes a día de hoxe (a nova cotización de autónomos, a irrupción das IAs xenerativas,..) Tamén renovamos ilustracións e deseños para dar unha imaxe máis actual á Guía. As ilustracións veñen da man de @itsdomingo e @alberto_guitian.

A Guía conta cunha web (https://www.guianinjadoilustrador.org/) onde se pode descargar a Guía en versión PDF tanto en galego como en castelán, ademais de poder acceder a máis contidos de interese e recursos útiles como modelos de facturas, contratos, etc.

Esta segunda edición, sae editada coa axuda da Deputación da Coruña e co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Agardamos que esta nova Guía vos sexa de utilidade. Seguiremos informando.

Compartir