Alfredo, Premio Nacional de Ilustración

O Ministerio de Cultura deu a coñecer hoxe que o ilustrador Alfredo é o galardoado co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2017, «pola súa dilatada traxectoria, que o levou a traballar en distintos puntos de España e do mundo, polo seu cultivo de distintos aspectos da ilustración e polo seu maxisterio e influencia en sucesivas xeracións». O Ministerio concede anualmente este premio, que ten unha dotación económica de 20.000 euros, co obxecto de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas».

Alfredo (Alfredo González Sánchez, Agüería, Asturias, 1933) estudou Filosofía e Teoloxía e en 1958 trasladouse a Madrid para se dedicar á ilustración. Traballou no mundo da publicidade e en 1971 foi contratado como director por unha axencia venezolana; tras percorrer varios países latinomericanos regresou a España, e comezou a colaborar como ilustrador en revistas e periódicos como La Codorniz, El Jueves, El Papus, Muy Sr. Mío, Summa, Cambio 16, La Calle, El País ou El Mundo. Ademais, ilustrou numerosos libros, como Teoría de Madrid, con textos de Francisco Umbral, De Moscú a Nueva York, co escritor Ignacio Carrión, Seis barbas de besugo, sobre textos de Ramón Gómez de la Serna, ou Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca. En 2017 publicou a súa autobiografía, La ventana de atrás. Desmemorias de un dibujante e expuxo gran parte dos seus debuxos orixinais no Museo ABC del dibujo y la ilustración de Madrid.

O xurado estivo presidido polo subdirector xeral do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Javier Pascual Echalecu, e conformado por Elena Odriozola, autora galardoada na edición 2015; Manuel Garrido, pola APIV; Teresa Novoa, pola APIM; Patricia Castelao, pola AGPI; Mentxu Fernández, por Euskal Iridigileak; Juan Berrio, pola FADIP; Lluís Farré, pola OEPLI; Manuel Alcorlo, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Victoria Soto, polo Centro de Estudios de Género da UNED; e Samuel Alonso, designado polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Compartir