Onte deuse a coñecer a gañadora do Premio Nacional do Cómic correspondente a 2018: Ana Penyas, pola novela gráfica Estamos todas bien. O xurado elixiu esta obra por «rescatar, a partir dunha historia familiar, a voz dunha xeración silenciada; pola innovación e a frescura da posta en escena gráfica, ademais da habilidade para integrar recursos da banda deseñada e doutros medios». O galardón, que concede anualmente o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20 000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado» durante o ano anterior.
Ana Penyas (Valencia, 1987) é diplomada en Deseño Industrial e graduada en Belas Artes na Universitat Politècnica de València. Foi seleccionada para realizar unha residencia artística en De Liceiras 18 (Porto, 2015). Recibiu unha mención especial na sexta edición de Iberoamérica Ilustra e gañou a edición seguinte. Ten publicado con editoriais como Mil Razones e Libros del K. O., e con revistas como MipetitMadrid.com, elHype.com, Bostezo e Pikara Magazine. A obra premiada, Estamos todas bien, é a súa primeira novela gráfica e obtivo en 2017 o premio FNAC/Salamandra Graphic; pola mesma obra foi tamén galardoada como autora revelación no Salón do Cómic de Barcelona.
O xurado estivo presidido por Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, e actuaron como vogais Manuel Barrero (pola Asociación de Autores de Cómic de España), Ana Oncina (pola FADIP), Rocío Orraca (pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros); Tereixa Constenla (pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic de España), Josefina Molina (pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando), Pilar Martín (pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España), Yanna Gutiérrez Franco (polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid), Miguel Gallardo (a proposta do ministro de Cultura), e os dous últimos autores galardoados, Rayco Pulido e Pablo Auladell.