
Hoxe recibimos a nova do pasamento do noso compañeiro Jaime Asensi. Ainda que actualmente non era socio de AGPI, foi membro da directiva en varias ocasións, en especial nos primeiros anos da asociación.
Jaime Asensi (Vilagarcía de Arousa, 1957) traballou desde os anos oitenta como ilustrador, deseñador gráfico e autor de cómic. En 2004 publicou Ubu rey, adaptación á banda deseñada da peza teatral de Alfred Jarry, en Edicions de Ponent. Ilustrou os contos Vanesa non quere ser princesa, de Xosé Antonio Perozo (2004), Tom e Mix, os cabalos de Clara, de Francisco López-Barxas (2009), e Monadas, de Luce Moreau-Arrabal (2009). En 2010 adaptou á banda deseñada a obra Pic-nic, de Fernando Arrabal. Ten colaborado con numerosas editoras e publicacións periódicas. En 2016 foi o autor do cartel do Día da Ilustración dese ano.

Pese a que deixou de formar parte da nosa asociación, o certo é que deixou en AGPI a moita xente que o apreciaba e sentímos a súa perda como se todavía fose un socio máis. Se xa o botábamos de menos, agora máis.
Dende AGPI damos o noso máis sentido pésame á súa familia e achegados. Descansa en paz, Jaime. Unha forte aperta, compañeiro.

Reunión dunha das primeiras directivas de AGPI da que formaba parte Jaime.