Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

Na AGPI sempre temos moitas ganas de cultura: de creala, de reivindicala e de expandila. E agora máis que nunca despois dun ano coma este. Por iso convidámosvos con especial ilusión ao próximo evento:

O vindeiro sábado 8 de maio ás 19.30 h estaremos no XXII SALÓN INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA no faladoiro “Meu dito, meu feito: unha semblanza sobre BD autoeditada”.

Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto serán os encargados de reflexionar e realizar interesantes achegas sobre BD, nunha conversa moderada por Óscar Iglesias no Salón de actos do Pazo da Cultura. O encontro é de balde, retransmítese tamén en streaming e precisa inscrición previa, entrando aquí para seleccionar a actividade e reservar praza.

Cine, contacontos, obradoiros de tecnoloxía e audiovisual, pintura mural, exposicións, escola de escrita e conversas arredor de distintos procesos creativos completan o programa de actividades desta nova edición do Salón do Libro, á que estamos moi contentas de sumarnos.

O cartaz gañador desta edición é obra da artista Aida Alonso, membro da AGPI, quen vén de realizar un prolífico e orixinal traballo de ilustración e collage.

Agardámosvos o próximo 8 de maio para festexar xuntas o regreso paseniño da cultura.

Cartaz de Aida Alonso.

Compartir