Hoxe Luns 29 de Xullo sairá en redes sociais unha campaña sobre o estatuto do artista co hashtag #ESTATUTODELARTISTAYA. Dende a AGPI fomos impulsores e executores desta ambiciosa campaña a nivel nacional.
#ESTATUTODELARTISTAYA é unha campaña que ten como obxectivo informar e dar visibilidade ao Estatuto do Artista, un conxunto de propostas lexislativas transversais para o desenvolvemento das profesións artísticas e culturais, así como do traballo de técnicos/as e auxiliares do sector cultural, que porían solución a gran parte dos graves problemas e condicións inxustas na que levamos a cabo a nosa labor profesional.
En setembro do 2018, por unanimidade parlamentaria apróbase no Congreso dos Diputados un Informe da Subcomisión de Cultura con 76 conclusións que por vez primeira ten en conta a especificidade do sector, a súa intermitencia na actividade e, por tanto, os seus ingresos irregulares, o amplo e variado tecido cultural e a necesidade de protección. As súas conclusións teñen que ver coa fiscalidade, a normativa laboral, a protección social, a contratación, o asociacionismo, a loita pola igualdade, as prestacións por maternidade, a intermitencia, a transición profesional ou a compatibilidade coa xubilación.
O obxectivo desta campaña é reivindicar, informar e formar aos socios e socias sobre esta medida que pode solucionar gran parte dos problemas que padece o sector cultural. Ao mesmo tempo, contactamos con máis de 100 asociacións de artistas a nivel nacional para que se sumen e, por agora, temos recibido contestación afirmativa de 40. Realizamos unha serie de textos informativos, textos para prensa e uns 18 jpgs para redes sociais que sintetizan os principais puntos reivindicativos para que as asociacións e os seus membros as compartan e informar sobre o estatuto xa que o Ministro de Cultura nas súas últimas comparecencias en prensa afirma a súa intención de poñelo enriba da mesa. O goberno actual ten o compromiso de aprobar estes puntos e ao mesmo tempo a oposición tamén o reclama, polo que o momento de reivindicalo é agora. A loita será larga, a aprobación do estatuto será por tramos, pero é a nosa obriga empoderar ao sector e ao ministerio para facer presión e que estas necesarias medidas se implementen canto antes.
Dende a AGPI apoiámonos en Marta C.Dehesa, avogada especializada que estivo a participar na redacción dos puntos no BOE e tamén botou unha man na comunicación do colectivo SOS gráfico, que nos axudou na súa difusión. Esta é unha campaña transversal a calquera sector artístico que queremos que se sinta de todos/as e para todos/as. Establecemos contactos e sinerxias con outras asociacións e elaboramos un excel cos mails de contacto que deixaremos no recentemente creado Drive da asociación, para que nun futuro se poidan seguir fomentando estas conexións.
Ao mesmo tempo, o Mércores 1 de Xullo ás 18:00h, dende o noso instagram live da asociación, faremos unha presentación da campaña e unha explicación de qué é, para qué e o porqué desta reivindicación. As ponentes serán dúas avogadas de recoñecido prestixio e recoñecemento no tema como Eva Moraga (http://porypara.es/) e a propia Marta C. Dehesa (http://coladeperro.com/). Recomendamos aos socios/as que escoiten esta charla xa que será moi esclarecedora. Máis tarde a subiremos a nosa canle de youtube e redes sociais para compartir con quen non puidera conectarse en directo.
Esta campaña foi dirixida e deseñada polo membro da nosa directiva Alberto Vázquez de xeito desinteresado e sen custo algún para a asociación. Soamente agradecerlle a súa implicación neste importante asunto que incumpe a todo o tecido cultural.
Agardamos que sexa do voso interese.