O Clube de Debuxo, organizado pola AGPI, que ata agora desenvolveu maioritariamente as súas sesións na cidade da Coruña, chega este mes de marzo a Vigo. Farao cunha sesión de debuxo durante un adestramento do equipo de wáter-polo do Real Club Náutico de Vigo. Será no propio Real Club Náutico (rúa das Avenidas, s/n, 36202 Vigo), o próximo venres 6 de marzo, de 21:30 a 22:30.
Como nas anteriores ocasións, o Clube de Debuxo está dirixido a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. É unha actividade tanto para socios como para non socios da AGPI. As prazas, totalmente gratuítas, son limitadas e outórganse por rigorosa orde de inscrición, mediante o formulario electrónico http://bit.ly/32uwo3Q. O prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de marzo.
A sesión desenvolverase na piscina cuberta do Real Club Náutico de Vigo. A piscina dispón dunha zona de gradas onde acomodarse. Recoméndase ás persoas inscritas levar auga e roupa fresca, dado que na zona onde se realizará a sesión vai moita calor. A sesión comezará con puntualidade e só se poderá acceder ao recinto co grupo de inscritos.
O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. Anteriormente realizáronse sesións de debuxo nun ensaio da Sinfónica de Galicia, na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, no Mercado de Verdura de Vilagarcía e nun ensaio de danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, así como en varias ocasións cun modelo en vivo na Fundación Luís Seoane. A partir de agora, amplíase o número de lugares de realización do Clube, e unha das localidades habituais será Vigo.