Concurso do Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira

12.º Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira (sito na localidade portuguesa do mesmo nome, próxima á cidade do Porto) abriu o prazo de recepción de ilustracións para o seu concurso anual. O encontro en si será do 17 ao 21 de outubro, mais o seu concurso ten de prazo ata o próximo 14 de agosto. Do concurso selecciónanse 25 finalistas, que terán aloxamento gratuíto (hotel e comidas) durante os días do Encontro, e mais acceso gratuíto a un dos talleres de ilustración do Encontro e prezo reducido para os outros talleres; deses finalistas, escolleranse 3 premiados, que recibirán, entre outros premios, un Macbook Pro 13 (1.º premio), unha Wacom Intuos Basic e unha caixa de material artístico Viarco (2.º premio) e unha caixa de material artístico Viarco (3.º premio).

Para participar hai que enviar dúas ilustracións inéditas en formato físico e inscribirse previamente por medio de correo electrónico, achegando a documentación solicitada (formulario e imaxes do autor/a e das obras presentadas).

O xurado estará conformado polo ilustrador André Letria, o ilustrador e libreiro Francisco Vaz Silva, o ilustrador, ex-presidente da AGPI e actual presidente da FADIP Santy Gutiérrez, a ilustradora Sofia Neto e mais un representante dos empresarios de São João da Madeira. Os regulamentos completos poden descargarse aquí, e todo o resto da información sobre os Encontros pode lerse na súa web.

Compartir