CONVOCADOS OS PRIMEIROS PREMIOS APIM

Desde o pasado 16 de xuño, e ata o 15 de setembro, está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios APIM, que convoca por primeira vez a Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid. Os galardóns, que buscan «promover e recoñecer o traballo profesional dos ilustradores nos distintos ámbitos da ilustración» e «recoñecer a traxectoria dos profesionais de maior experiencia e axudar a descubrir os novos talentos», teñen nesta edición once categorías: Animación/concept/videoxogos, Ilustración editorial, Portadas de publicacións, Ilustración de prensa/medios, Ilustración publicitaria, Ilustración científica, Cómic, Humor gráfico e Novo talento, ademais do Premio especial para socios de APIM e residentes en Madrid e o Premio honorífico. Estas dúas últimas categorías contan co apoio do Museo Abc.

Poderán inscribirse obras que fosen publicadas ou encargadas no período de xaneiro a decembro de 2017 en calquera lugar do mundo. A excepción son as categorías Novo talento —que premiará proxectos de fin de carreira ou módulo de 2018— e o Premio honorífico, que será outorgado a un profesional de longa traxectoria, e decidido pola xunta directiva de APIM. Cada participante pode presentar un proxecto por categoría, pero pode optar a distintas categorías con diferentes proxectos. Poderá participar calquera ilustrador/a que resida en España, independentemente da súa nacionalidade; deberá realizar unha inscrición por cada obra presentada.

O galardón é un trofeo deseñado por Pep Carrió. Os gañadores de todas as categorías daranse a coñecer publicamente o 15 de outubro de 2018; realizarase unha cerimonia de entrega o día 16 de novembro, no Museo Abc. As bases completas dos premios poden encontrarse na web de APIM.

Cartel anunciador dos premios, sobre ilustración de Pep Carrió

Compartir