Día da Ilustración 2020

O Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.

Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) foi artista e escritor, e colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde entrou en contacto coas vangardas. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola Guerra Civil; morreu sen chegar a cumprir os corenta anos.

A Biblioteca de Galicia acollerá a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera», con documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inagurarase o 30 de xaneiro ás 11:00, e poderá visitarse ata o 29 de maio na sala de exposicións da Biblioteca de Galicia, no Monte Gaiás. Nos próximos días presentarase o vídeo de homenaxe que produce a AGPI coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e que tamén se proxectará na mostra.

Ademais, no programa de actividades previsto para as bibliotecas públicas e escolas de arte galegas, hai unha mostra sobre o autor homenaxeado na bilioteca pública de Pontevedra, e o estudoso da súa obra José Manuel Bouzas dará unha charla na EASD Antonio Faílde de Ourense o 29 de xaneiro ás 12:00.

Por parte da AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), están previstas actividades na EASD Pablo Picasso da Coruña os días 29 e 30 de xaneiro. O 29, a partir das 19:00 presentarase o Día da Ilustración e a continuación haberá unha charla co autor convidado Jesús Cisneros, que chega a Galicia despois de impartir talleres en lugares como Marsella, Seúl ou Bangkok. O 30, para as persoas previamente inscritas (as prazas están xa esgotadas), Cisneros impartirá un obradoiro de máscaras no mesmo lugar.

No resto de bibliotecas públicas haberá diferentes mostras, obradoiros e charlas con ilustradores como María Lires, Jorge Campos, Laura Núñez, Pablo Otero ou Xulia Pisón, que é ademais a autora do cartel do Día da Ilustración deste ano. Pola súa parte, o Club de Prensa de Ferrol tamén se sumou este ano á celebración cun acto de homenaxe a Fernández Mazas na Biblioteca Municipal ferrolá.

O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Cartel do Día da Ilustración 2020, obra de Xulia Pisón
Compartir