DÍA DA ILUSTRACIÓN 2022

Coincidindo coa efeméride do nacemento de Castelao (30 de Xaneiro), celébrase unha nova edición do Día da Ilustración, que visibiliza ao sector da ilustración e lembra a sobranceiros artistas e o seu legado. O homenaxeado deste ano é Reimundo Patiño.

Reimundo Patiño (A Coruña 1936-1985). Pioneiro da arte contemporánea galega, tivo un temperán contacto coa obra de Seoane, Castelao e Souto. Os seus primeiros cadros datan de 1953 cando pintou a serie “As sardiñas”.

En 1958 trasládase a Madrid. Alí descubre a pintura de vangarda e participa na fundación do grupo Brais Pinto. Foi un dos fundadores do partido independentista UPG en 1964 e militante ata o 1971. Ano no que fundou a primeira galería experimental de Madrid, onde expuxo por vez primeira o cómic mural “O home que falaba vegliota”. Impulsor do movemento A Gadaña (pioneiro da arte informalista en Galicia) e o colectivo Estampa Popular Galega, que produciu gravados, obra gráfica e carteis cun forte compromiso sociopolítico.

A figura de Patiño transcende a etiqueta de artista polo seu pensamento e activismo político na cultura galega da posguerra. Nos anos 60 e 70, o piso de Reimundo en Madrid era un salientable lugar de reunión. Participou en mostras do grupo Atlántica. Finou en A Coruña pouco antes de cumprir 50 anos.

Na web do evento www.diadailustracion.gal, pódese consultar tamén máis información sobre Reimundo Patiño así como as actividades programadas para estes días nas bibliotecas de Galicia.

A Biblioteca de Galicia (Santiago de Compostela) acolle a mostra de Reimundo Patiño: “O desacougo creador”. Que terá lugar dende o 28 de xaneiro ata o 10 maio con entrada libre e gratuíta. Ademáis nas distintas bibliotecas públicas e nas escolas de arte de Galicia atoparemos: Obradoiros, exposicións e actividades.

Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López foron convidados pola AGPI como ilustradores e ilustradoras de diferentes miradas, para que fixesen unha obra sobre aquel aspecto de Reimundo Patiño que máis lles inspirase. Todas as obras poden consultarse tamén na web antes citada.

Os faladoiros deste ano serán retransmitidos online o 28 de xaneiro pola mañá, entre as 11.00 e as 14.00. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web do Día da Ilustración, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI.

Os participantes nestas actividades serán: O humorista gráfico e ilustrador Xaquín Marín, que nos falará dun Reimundo Patiño co que estivo estreitamente vencellado, e Roberta Vázquez que nos falará da súa obra e proxectos persoais.

 

Programa:

VENRES 28 DE XANEIRO

11: PRESENTACIÓN.

11:10 XAQUÍN MARÍN: VIAXE CON REIMUNDO PATIÑO

12:40 CONVERSA COA ILUSTRADORA ROBERTA VÁZQUEZ

 (Conducido por Neves Rodríguez)

 

Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

 

Cartel do Día da Ilustración 2022, obra de Paula Mayor

Compartir