‘El día 3’, Premio Nacional do Cómic 2019

O Premio Nacional do Cómic foi outorgado onte a Cristina Durán, Miguel Ángel Giner Bou e Laura Ballester pola súa novela gráfica El día 3. O xurado escolleu esta obra «por saber realizar desde o respecto a crónica dun drama social, cunha narrativa en que se equilibran a emoción, a excelencia gráfica e o uso de potentes metáforas visuais». O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20 000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2018».

Para a realización da novela gráfica galardoada, os autores baseáronse nas investigacións de Laura Ballester, reflectidas no libro Luchando contra el olvido, el largo camino de las víctimas del metro de Valencia (2015); o proxecto da novela gráfica gañou no seu momento, en 2016, o Premio Ciutat de Palma de Còmic, e publicouse en 2018.

Cristina Durán (Valencia, 1970) é licenciada pola Facultade de Belas Artes de Valencia. Como debuxante de BD ten publicado, xunto ao guionista Giner Bou, Una posibilidad entre mil (2009), La máquina de Efrén (2012) —recompilados ambos en 2017 nun volume integral co título de Una posibilidad— e Cuando no sabes qué decir (2015). Ten recibido varios galardóns, como o premio Turia, o Premi Dones Progressistes ou o accésit do trofeo Les BDs qui font la différence. Foi presidenta da Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana (APIV) e membro das directivas de FADIP e o EIF. Actualmente forma parte de AC (Colectivo de Autoras de Cómic).

Miguel Ángel Giner Bou (Benetússer, Valencia, 1969) é licenciado pola Facultade de Belas Artes de Valencia. É profesor de guión e narrativa no Máster de Deseño e Ilustración da Facultade de Belas Artes de Valencia e na ESAT (Escuela Superior de Arte y Tecnología), e traballa como ilustrador. Foi presidente da APIV e actualmente preside ARGH!, a Asociación Profesional de Guionistas de Cómic.

Laura Ballester é licenciada en Ciencias da Información, e fixo desde 2006 un seguimento exhaustivo do accidente do metro de Valencia, un traballo polo que recibiu o Premio do Ateneu Cultural de Torrent en 2012, o premio da Cartelera Turia á mellor contribución xornalística en 2014 ou o premio Libertad de Expresión 2016 da Asociación de Vecinos de Patraix. Ten traballado en El Punt, en medios de comunicación locais de radio e televisión, e na cooperativa Paleta d’Ocres.

O xurado, presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, Begoña Cerro Prada, tivo como vogais a Ulises Ponce López, pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Asier Iturralde, pola FADIP; Gonzalo González Verdoy, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL); Elena Masarah Revuelta, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic de España; Jordi Teixidor, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia Zamora, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Graciela Padilla Castillo, polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid; e mais a autora galardoada na convocatoria de 2018, Ana Penyas.

Compartir