Reunións con institucións sobre a afectación da crise do COVID-19 no sector da ilustración e a cultura

REUNIÓN DA FADIP CO MINISTERIO DE CULTURA E FACENDA

Dende FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores/as Profesionais) seguimos a traballar. Despois de trasladarlle o Ministerio de Cultura a nosa precupación polas consecuencias da crise no sector, deseñamos 14 medidas concretas divididas en seis liñas de actuación. As catro primeiras están enfocadas a todo o sector da cultura, e as dúas últimas resolven problemáticas máis específicas do noso sector.

  • A primeira liña está enfocada ao sustento básico. 
  • A segunda propón axudas á profesionalización e asesoría. 
  • A terceira e cuarta detallan axudas ao investimento en cultura previa e posterior á crise para reactivar a nosa economía. 
  • A quinta enfocada ao sector da ilustración e as boas prácticas en dereitos de autoría.
  • A sexta á protección de traballadores e traballadoras culturais sen contrato en empresas que sofren  ertes.

A reunión terá lugar esta tarde contorna ás seis. Asistirá o presidente da FADIP Daniel Crespo xunto aos e as máximas representantes dos Ministerios de Cultura e Deporte, e Facenda.

REUNIÓN CA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

Ademais o pasado 6 de abril a AGPI tivo unha videoconferencia co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A reunión enfocouse nas consecuencias da crise do COVID-19 no sector do libro e tamén estiveron presentes a Asociación Galega de Editoras, a Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia. Tivemos a oportunidade de expoñer as problemáticas específicas do sector en relación o libro, medidas tamén recollidas no documento que desde FADIP se enviou o Ministerio de Cultura.

Posteriormente solicitamos ao conselleiro de Cultura e Turismo unha nova cita onde poder reunirnos para falar unicamente das necesidades do sector da ilustración, a animación e o muralismo. Xa que a nosa profesión abrangue moitos campos de traballo e non unicamente o do libro. Xunto con esta petición adxuntamos un documento que recolle medidas concretas a desenvolver pola asociación en colaboración coa Xunta como: a creación dunhas bolsas de creación e a petición de axudas para o asesoramento legal. Estamos a espera da súa resposta.

Ademáis de todas as medidas mencionadas, o pasado 20 de marzo apoiamos o BORRADOR PARA UN DOCUMENTO UNIFICADO DE PROPOSTAS DE ACCIÓN E DE MEDIDAS ESPECÍFICAS DIRIXIDAS AO SECTOR CULTURAL GALEGO POLAS CONSECUENCIAS DO COVID-19, que recolle medidas que consideramos importantes como a declaración da cultura como ben de primeira necesidade, ao igual que teñen feito Alemaña e Francia ou a redefinición da programación do Xacobeo 2021 para convertelo nunha ferramenta de reactivación e apoio aos sectores profesionais da cultura galega.

Por último, queremos lembrarvos que a enquisa sobre o efecto económico da suspensión da actividade no sector da ilustración segue aberta ata o día 23 de abril, polo que vos animamos a participar se inda non o fixestes.

Compartir