Dentro do seu programa de colaboracións con Portugal, a AGPI presenta dentro do 12.º Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira, nesa localidade lusa próxima á cidade do Porto, unha mostra de vinte e cinco ilustracións doutros tantos ilustradores e ilustradoras membros da asociación.
A exposición, que pode visitarse ata o 21 de outubro na Torre da Oliva de São João, componse de ilustracións de Alberto García Ariza, Alejandro Rozados, Alicia Suárez, Almudena Aparicio, Augusto Metztli, Blanca Millán, Carlos Arrojo, Guitián, I. Mouronte B., Iria Prol, Iria Ribadomar, Jorge Peral, Laura Cortés, Lizartonne, Manel Cráneo, Marta Álvarez, Michel Casado, Miguel Cuba, Montse Piñeiro, Nuria Díaz, Óscar Villán, Paula Mayor, Rodouyeha, Xosé Cobas e Xosé Geada.
Xunto a ela, na Torre da Oliva poden verse outras dúas mostras: a da ilustradora gañadora da edición anterior do concurso, Cláudia Salgueiro, e mais a dos seleccionados no concurso de ilustración do Encontro (outros 25 ilustradores internacionais, escollidos por un xurado formado por Sofia Neto, Francisco Vaz Silva, André Letria, Alberto Bulhosa e o noso socio e presidente da FADIP Santy Gutiérrez).
Ademais das exposicións, a programación do Encontro de São João inclúe talleres de ilustración, que este ano estarán impartidos por Cláudia Salgueiro, Evelina Oliveira, Gérard Lo Monaco e Marina Cedro, Signe Kjær e o noso socio Leandro Barea.